•  
  • ';
  •  

Prestacións básicas

Queremos ofrecerte unha atención integral e de calidade para que poidas acceder a todos os recursos e prestacións sociais que garantan o teu benestar. Con ese obxectivo, dende o noso departamento desenvolvemos unha serie de programas básicos:

Programa de orientación, asesoramento e información

Ofrecemos información, orientación e asesoramento sobre os dereitos e recursos sociais existentes, realizando o estudo, avaliación e diagnóstico das demandas recibidas, así como a súa derivación cara os servizos sociais especializados.

Programa de Axuda no Fogar

Para aquelas situacións nas que as persoas teñan limitada a súa autonomía ou en casos de desestructuración familiar, o programa de axuda no fogar oferta un conxunto de atencións ás persoas no seu domicilio para realizar as actividades básicas da vida diaria, e cumprir coas necesidades de carácter doméstico e da vivenda e de carácter psicosocial e educativo.

Existen dúas formas de acceso:

- Servizo de Axuda no Fogar a persoas dependentes en situación de dependencia valorada: tendo recoñecida a situación de dependencia, se lles asigna a axuda no fogar na correspondente resolución de Programa Individual de Atención (PIA).

- Servizo municipal de Axuda no Fogar, de acceso por libre concurrencia: para as persoas que non teñan o recoñecemento da situación de dependencia, ou non lles asista o dereito de acceso efectivo ao catálogo de servizos de atención á dependencia.

Programa de Inserción Social

Traballamos a prevención de situacións de marxinación e as súas causas, favorecendo a integración e participación no medio social das persoas ou grupos máis desfavorecidos, afectados polas diferentes formas de exclusión e marxinación social.

O noso obxectivo é facilitar o acceso, permanencia e utilización de recursos normalizados, específicos e de prestacións económicas e sociais, favorecendo ademais a promoción e a participación social

Programa de animación, prevención e cooperación social

Co obxectivo de favorecer o desenvolvemento da comunidade na que vivimos, poñemos en marcha accións de sensibilización, de fomento do asociacionismo, de apoio á iniciativa social, o voluntariado e a solidariedade, contando para iso co traballo realizado dende a Concellería de Xuventude e Voluntariado.

Programa de convivencia alternativa

Ofertase aloxamento provisional a aquelas persoas en situación de emerxencia persoal ou familiar cando non sexa posible a permanencia no propio fogar ou este non exista.